Visita do alcalde de Sanxenxo e a presidenta de Portos de Galicia ás obras do Paseo dos Barcos

Sanxenxo
02 de maio 2022

Ambos os dirixentes mantiveron este luns unha reunión de traballo na que abordaron melloras para os recintos portuarios de Sanxenxo e Portonovo  

Telmo Martín e Susana Lenguas visitan as obras do Paseo dos Barcos
Telmo Martín e Susana Lenguas visitan as obras do Paseo dos Barcos / Concello de Sanxenxo

O alcalde, Telmo Martín, e a presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, mantiveron este luns un encontro de traballo en Sanxenxo. Tras a reunión na que se abordaron asuntos relativos aos espazos portuarios en ambas as vilas, visitaron a actuación que se está levando a cabo no Paseo dos Barcos coa renovación da pasarela e de parte da estrutura.

O obxectivo é mellorar esta parte da fachada marítima de Sanxenxo cunha actuación que superará os 90.000 euros. Na visita estivo tamén a concelleira de Urbanismo, Flavia Besada, que foi a encargada de executar o proxecto de embelecemento da zona coa inclusión de zonas de descanso renovadas e elementos novos de axardinamento.

“Imos facer que este paseo sexa máis bonito se cabe cunha mellora coa que colabora Portos de Galicia”, explicou o alcalde. Na mesma liña, Martín lembrou que “este paseo cumpre o mes que vén 18 anos” e incidiu en que “cada euro que se invirte repercute en moitos galegos que nos visitan”.

Pola súa banda, a presidenta de Portos de Galicia destacou a “colaboración entre administracións para poder chegar a acordos que beneficien á cidadanía”. Lenguas explicou que durante a súa visita a Sanxenxo mantivo un encontro co sector pesqueiro de Sanxenxo. “Solicitáronnos espazos para almacenar os seus pertrechos dentro da zona pesqueira e buscaremos posibles solucións para iso”, indicou.

Lenguas e Martín pediron á empresa que está a executar os traballos da pasarela de madeira que acurte os prazos previstos para ter a pasarela lista antes do 31 de maio. A mellora incluirá a colocación de 30 novas xardineiras metálicas de dous metros de longo na que se plantarán especies aromáticas como a lavanda. As macetas se intercalarán entre os 35 bancos de granito actuais