A Sección Segunda da Audiencia Provincial de Pontevedra deixou visto para sentenza o xuízo contra un empresario de Viascón (Cotobade), José Manuel Moure Rey, acusado dun delito de estafa continuada por ter deixado dúas familias de Tomeza e Campo Lameiro sen as casas prefabricadas de madeira que lle contrataron e polas que cobrou diversas cantidades.
O xuízo comezou o pasado 7 de novembro, máis dun ano despois de que a Audiencia Provincial o citase por primeira vez e nove meses despois de ser xulgado polos mesmos feitos nun xuízo que finalmente houbo que repetir por un problema no sistema de gravación da Audiencia Provincial. Aquel día quedou pendente unha última testemuña e este martes, finalmente, puido declarar por videoconferencia.
Trátase do responsable da empresa de Cidade Real que no momento dos feitos provía o acusado de casas de madeira que el vendía, como intermediario, aos seus clientes. Segundo relatou, contratoulles tres casas que lles pagou e lle entregaron, pero nunca chegou a facerlles ningún ingreso polas dúas que deron lugar a esta causa.
A testemuña indicou que eles redactaron os contratos e elaboraron os proxectos para ambas as dúas casas, pero o acusado nunca chegou a facerlles o primeiro pago necesario para que empezasen a fabricar as casas. A familia de Campo Lameiro acabou contratándolles directamente a vivenda e pagándolla a eles, pero a de Tomeza segue sen casa catro anos despois de que tivesen que mudarse.
Tras a declaración desta testemuña, o fiscal do caso, Augusto Santaló, deu a coñecer que faría unha modificación nas conclusións iniciais realizadas pola Fiscalía neste caso. Considérao igualmente autor dun delito continuado de estafa, pero considera que debe apreciarse a circunstancia agravante da responsabilidade criminal de reincidencia, pois o acusado xa foi condenado por estafa en Santiago de Compostela. Ademais, alternativamente, manifestou ao tribunal que se non lle condena por estafa, fágao polo delito de apropiación indebida.
O fiscal pide que sexa condenado a 8 anos de prisión, pero as acusacións particulares que exercen as dúas familias afectadas elevan a petición a 9 anos de cadea. Unha das avogadas insistiu en que ten ata tres condenas por estafa previas e ambas insisten en que ten que aplicarse a agravante de reincidencia. Fronte a eles, a súa defensa mantén a inocencia do empresario e pide a súa libre absolución.