Vivenda asina co Concello de Pontevedra as axudas para as áreas de rehabilitación

Pontevedra
30 de outubro 2020

Poderán beneficiarse destas axudas os propietarios de vivendas e edificios de vivendas emprazadas no ámbito das ARI que as rehabiliten, así como o propio concello para actuacións de urbanización e reurbanización das ARI

Vivendas en ruína na zona vella de Pontevedra
Vivendas en ruína na zona vella de Pontevedra / PontevedraViva

Este venres asinouse o convenio polo que se reparten os fondos correspondentes a áreas de rehabilitación integral do Concello de Pontevedra.

A partir deste momento, será o concello o encargado de realizar as convocatorias públicas para que os propietarios de vivendas emprazadas no ámbito das áreas de rehabilitación poidan presentar as súas solicitudes.

Este ano a Consellería de Vivenda reparte preto de 2,7 millóns de euros entre 25 áreas de rehabilitación emprazadas en 17 concellos. O reparto realizouse en función das solicitudes presentadas pola administración local e tendo en conta o grado de cumprimento en cada concello dos obxectivos asignados en anteriores repartos.

No caso da Boa Vila son dous ARI o da zona monumental do casco vello cunha contía de 292.922 euros, e o correspondente ao Núcleo de Estribela con 39.828 euros.

Os beneficiarios finais dos fondos repartidos serán os propietarios de vivendas e edificios de vivendas emprazados no ámbito das Áreas de Rehabilitación Integral, que recibirán axudas a fondo perdido para as actuacións de rehabilitación que realicen. Tamén se poderá beneficiar das axudas o propio concello para a realización de actuacións de urbanización e reurbanización no ámbito das ARI. Ademais, a Xunta, con fondos propios, financia as oficinas de rehabilitación municipais.