Os test rápidos realizados ao alumnado durante as últimas horas ofreceron resultado negativo e o Reitorado da Universidade de Vigo decidiu que este mércores se retome a modalidade de docencia mixta na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte do campus pontevedrés.
Durante o luns e o martes desta semana decidiuse ofrecer só docencia virtual debido aos test rápidos, achegados pola Consellería de Sanidade, que detectaron positivos entre a comunidade estudantil.
Agora, atendendo ao presidente do Comité de asesoramento sobre a covid-19 na Universidade de Vigo, vai volverse á modalidade mixta con clases teóricas ofrecidas a través de sistemas virtuais mentres que as clases prácticas combinaranse entre a docencia virtual e a presencialidade rotatoria.
O vicerreitor do campus Jorge Soto afirmaba nas últimas horas que todos os resultados foron negativos nos 13 casos detectados o xoves 22 e con 17 dos 25 rexistrados o venres 23. Indicou tamén que este curso singular polas limitacións que establece a covid-19 está a abordarse a actividade con normalidade tanto na súa modalidade presencial como virtual e destacou o comportamento e a responsabilidade encomiable da comunidade universitaria e do alumnado.
O cuarto curso do grao en Publicidade e Relacións Públicas da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, onde tamén se detectaron casos positivos, manterá as clases virtuais ata o vindeiro venres.