A feira de artesanía e agasallos que, tradicionalmente, organizaba o centro comercial urbano Zona Monumental, regresará este Nadal a Pontevedra. Será tres anos despois da súa ultima edición, xa que a pandemia impediu a súa celebración en 2020 e 2021.
Farao ademais cunha nova localización, a Praza de España. Pontenadal estará, en concreto, na zona na que habitualmente se coloca o escenario dos concertos das Festas da Peregrina.
Un total de 24 artesáns, maioritariamente da provincia de Pontevedra, participarán nesta feira, que abrirá as súas portas o próximo venres 16 de decembro, ás cinco da tarde.
Entre eles estarán vendedores habituais desta feira e moitas propostas novidosas.
Os postos estarán instalados ata o 5 de xaneiro, véspera de Reis. Só pechará por descanso o 25 de decembro, Día de Nadal, e o 1 de Xaneiro, Aninovo.
O seu horario será de 11:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 21:30 horas, agás os días 24 e 31 de decembro, Noiteboa e Noitevella, que pechará unha hora antes.
Pontenadal cumprirá este ano dúas décadas de vida ofrecendo ideas orixinais para agasallar nestas datas, amosando un produto artesán local e de calidade.