O programa municipal ‘Ponte en Movemento’, de ximnasia de mantemento para persoas maiores, retomará as clases a partir do vindeiro martes 16 de xuño no pavillón municipal de Chan da Barcia.
Previo ao inicio do estado de alarma, a actividade desenvolvíase no Ximnasio Xparta de Ponte Caldelas. O cambio de emprazamento vén motivado pola necesidade de que os participantes poidan manter unha distancia interpersoal suficiente para evitar riscos de contaxio por coronavirus. En todo caso, fontes municipais informan que o traslado será provisional en función da evolución da pandemia e as indicacións das autoridades sanitarias.
A amplitude do pavillón municipal de Chan da Barcia permitirá que as persoas que practican ximnasia de mantemento, a través desta actividade de envellecemento activo promovida polo Concello de Ponte Caldelas, poidan volver ás clases coa garantía dun espazo amplo que permite que a distancia entre os participantes sexa incluso maior dos dous metros que se esixen.
Neste momento, son 35 persoas empadroadas as que están anotadas á actividade, que por 10 euros ao mes permite a asistencia a dúas clases semanais de ximnasia de mantemento e acceso libre a máquinas seguindo unhas pautas marcadas polo adestrador. As clases de ximnasia de mantemento teñen lugar os martes e xoves, de 11.00 a 11.45 horas e o único requisito para participar é ser maior de 59 anos, estar empadroado no municipio e presentar un informe médico para coñecer se hai necesidades específicas.