Volve en abril o Portonovo Gastronómico con tres días de festa ao redor da raia

Sanxenxo
19 de marzo 2024
Actualizado: 30 de setembro

A segunda edición do Portonovo Gastronómico terá lugar os días 26, 27 e 28 de abril

Reunión para organizar a segunda edición do Portonovo Gastronómico
Reunión para organizar a segunda edición do Portonovo Gastronómico / Concello de Sanxenxo

A segunda edición do Portonovo Gastronómico terá lugar os días 26, 27 e 28 de abril. 

A concelleira de Cultura e Eventos, Elena Torres, reuniuse este luns no Pazo de Emilia Pardo Bazán con membros do sector hostaleiro para falar das cuestións organizativas.

A avenida de Rafael Picó e a Rúa dos Viños, onde se concentra a maior oferta hostaleira, converteranse no epicentro da festa con música e animación desde o venres. Durante o sábado e o domingo, pecharase ao tráfico rodado Rafael Picó coa intención de que a cita se viva na rúa. Os locais, do mesmo xeito que o ano pasado, poderán sacar as barras con bebida e comida para que os asistentes poidan gozar das tapas e, ao mesmo tempo da programación cultural.

Os concertos nocturnos centraranse na Curva, San Roque e a Praza de Méndez Núñez, pero ao longo das tres xornadas haberá distinto tipo de animación polas rúas creando un ambiente festivo. 

Os locais comprométense a elaborar dúas tapas conmemorativas da cita, unha delas con raia. Sortearanse distintos premios entre os clientes que consuman nos establecementos participantes. 

A raia terá o seu espazo e recoñecemento na programación tanto no apartado gastronómico como na entrega da Raia de Ouro que terá lugar o domingo, 28 de abril, ás 13 horas.

O cartel desta edición, elaborado pola directora do Centro de Arte de Sanxenxo, María Vázquez, xoga con dous elementos o prato e a figura da Peixeira, emblema de Portonovo, co cesto cheo de produtos frescos do mar. O fondo azul do prato evoca o mar de onde se extrae o peixe e o marisco que se serve no Portonovo Gastronómico.