Volve Festixeve e a súa singular "procesión laica das empanadas e roscas"

Pontevedra
17 de xullo 2023

Entre este xoves 20 de xullo e o domingo 23, o Campo de Fragoso, na parroquia de Santo André de Xeve, acollerá actividades abertas para todos os públicos organizadas pola Asociación Recreativa de Xeve e o Concello de Pontevedra

Florencio Chantrero e Demetrio Gómez Junquera presentan FestiXeve 2023
Florencio Chantrero e Demetrio Gómez Junquera presentan FestiXeve 2023 / PontevedraViva

Comezou sendo un pequeno evento para conmemorar o aniversario da Asociación Recreativa de Xeve e na actualidade é a gran festa da parroquia de Santo André de Xeve unha das citas populares máis queridas das Festas do Verán de Pontevedra.

Na súa 26 edición, FestiXeve convida a participar en diversas actividades, lúdicas, musicais e gastronómicas, a todos os públicos. O concelleiro de Festas, Demetrio Gómez Junquera, destacaba que "quizais sexa o festival de toda Galicia con máis aire de romaría e festa popular".

Na presentación das actividades que se van desenvolver entre este xoves 20 de xullo e o domingo 23 no Campo de Fragoso, parroquia de Santo André de Xeve, participaba o presidente da Recreativa de Xeve, Florencio Chantrero, quen avanzaba o programa da festa e agradecía ao Concello de Pontevedra o seu apoio para que este evento estea consolidado. 

Un dos pratos fortes de FestiXeve será a curiosa "procesión laica das empanadas e das roscas", que terá lugar o domingo 23, apuntaba o edil de Festas.

Pola súa banda, Chantrero non quería desvelar moitos detalles, xa que é un dos momentos máis especiais e agardados deste evento "que xa son moitos anos e é moi concorrido, pouca publicidade lle temos que facer", afirmaba sorrinte. Con todo, avanzou que se ía facer "un pequeno espectáculo" desfilando en procesión portando "as empanadas desde o centro cultural ata as mesas, acompañados pola charanga".

 

PROGRAMA DE FESTIXEVE
 

XOVES 20

20.00 h Cantos de taberna con "Maravallada"

VENRES 21
21.00 h Proba de aventura e orientación nocturna (OrientaXeve) e picadiscos co Dj Hugo

SÁBADO 22
De 18.00 a 22.00 h Inchables
22.30 Concerto de Banda Xangay, Quinkillada e picadiscos

DOMINGO 23
15.00 h Comida popular
16.00 h Inchables, xogos populares con Risotadas, degustación de empanada e rosca, Charanga Ot...