Volve impactar o remolque dun camión na ponte de Alba

Pontevedra
02 de setembro 2021

Sucedía pasadas as 09.00 horas deste xoves 2 de setembro, o condutor do camión saltouse o gálibo que advirte da altura permitida para pasar por debaixo da ponte. Segundo indican desde a asociación O Chedeiro de Cerponzóns esta estrutura está deteriorada e por este motivo seguen a producirse estes accidentes, ademais demandan unha rotonda inmediata na N-550

O camión que quedou atrapado na ponte de Alba
O camión que quedou atrapado na ponte de Alba / Asociación O Chedeiro

Outra vez volveu a pasar e xa son innumerables as ocasións nas que un vehículo de grandes dimensións impacta contra a ponte de Alba ao circular pola estrada PO-225, que une a estrada de Vilagarcía coa  N-550 en San Caetano.

Un camión de transporte, pasadas as 09.00 horas, volvía quedar atrapado nesta ponte que contempla unha altura de 3,4 metros. Neste caso, o impacto producíase coa parte do remolque que sufriu importantes danos.

Segundo indican desde a asociación O Chedeiro de Cerponzóns, esta situación prodúcese porque un dos dous gálibos que se instalaron para evitar que se repetisen estes accidentes está danado e, por tanto, é fácil que os condutores de grandes vehículos de transporte poidan crer que hai espazo suficiente para atravesar a ponte.

Desde a mesma asociación reclaman unha solución para evitar os problemas de cortes de tráfico que se xeran debido a estes incidentes e a creación dunha rotonda de maneira inmediata na  N-550 no acceso a esta PO-225.

Durante a mañá deste xoves, unha patrulla da Policía Autonómica alertou da situación e cortou o acceso para evitar grandes retencións neste punto. Non se produciron danos persoais.

O último incidente rexistrado nesta zona, moi transitada por peregrinos que realizan o Camiño a Santiago, producíase o 31 de decembro de 2019 con outro vehículo de transporte de mercadorías que impactaba contra a estrutura.