Volve o Concurso dos Maios á Praza do Mosteiro de San Xoán con éxito de participación

Poio
01 de maio 2023

Once maios participaron nesta edición en que a agrupación Vilariño obtivo tres dos principais premios: conxunto, barco e coroa. Este colectivo tamén compartía con Maio Maiolo o premio ao mellor Maio

Concurso dos Maios en Poio 2023 Concello de Poio

Con gran presenza de público e coa participación de once "maios" desenvolvíase este luns o Concurso dos Maios de Poio, que organiza a concellería de Cultura.

En total repartíronse 6.800 euros en premios para as agrupacións que formaron parte desta tradición.

O primeiro premio ao mellor conxunto, ao mellor barco e á mellor coroa foi a parar a Vilariño. O Mellor Maio tamén recaeu en Vilariño pero compartido con Maio Maiolo. 

Pola súa banda, Armadiña obtivo o premio á mellor actuación e a mellor copla levouna Mare Podium.

Raquel Rodríguez, concelleira de Cultura de Poio, destacaba a gran calidade e vistosidade das elaboracións nesta edición. Nesta mesma xornada tamén se desenvolvía a Mostra de Maios de Combarro, na Praza da Chousa, que impulsa o Ateneo Corredoira en colaboración co Concello.