Os datos notificados pola Consellería de Sanidade durante este xoves 17 de xuño ofrecen unha lixeira repunta de casos activos tanto na área sanitaria de Pontevedra-O Salnés como no conxunto de Galicia.
O número de casos activos na área ascende a 127 positivos, tres máis que na xornada do 16. Destes pacientes, 120 mantéñense recuperándose nos seus domicilios.
Segundo a xerencia da área sanitaria, este xoves atópanse seis pacientes ingresados en planta do Hospital Montecelo e xa non queda ningún infectado no Hospital do Salnés. Na Unidade de Coidados Críticos do Hospital Montecelo permanece unha persoa grave con covid-19, unha menos que na xornada do mércores.
Nas últimas 24 horas realizáronse 196 probas PCR, nas que se detectaron sete novas infeccións. Desde o inicio do plan de continxencia curáronse 14.081 enfermos nesta zona sanitaria. Mantense a cifra de falecementos en 181 persoas desde que se contabilizan polas autoridades sanitarias.
DATOS EN GALICIA
Galicia, segundo os datos da Consellería de Sanidade, tamén incrementa o número de positivos ao detectar 111 casos nas últimas 24 horas, 46 máis que o mércores. O número de casos activos é de 1.255, nove máis, subindo por primeira vez nos últimos 25 días.
Destes enfermos, atópanse hospitalizados 61, un menos que o día 16, e nas Unidades de Coidados Intensivos atópanse 16 pacientes graves, un máis.
Por quinto día consecutivo non se producen falecementos a causa do coronavirus e o número total de decesos derivados da enfermidade mantense en 2.430 en Galicia.
Por áreas sanitarias detéctanse repuntes en cinco delas e os casos activos rexistrados son os seguintes: A Coruña-Cee: 410 (+9) Vigo: 264 (-10) Lugo: 177 (+2) Ourense: 154 (+9) Santiago-O Barbanza: 127 (-7) Pontevedra-O Salnés: 127 (+3) e Ferrol: 96 (+3).
A incidencia acumulada a 14 días sitúase en 40,34 casos por cada 100.000 habitantes, mentres que a 7 días establécese en 19,17.