Volven aumentar os positivos por covid na área sanitaria: 238 casos activos

Pontevedra
02 de abril 2021

Son quince casos máis nas últimas 24 horas na zona de Pontevedra e O Salnés. Pola contra, descendeu a presión hospitalaria con dous pacientes menos na última xornada permanecendo 20 ingresados. Galicia suma este venres 154 novos contaxios por coronavirus, 39 máis que hai sete días

Toma de mostras PCR
Toma de mostras PCR / Xunta de Galicia

238 casos activos rexístranse este Venres Santo na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, trátase de 15 casos máis que na xornada do xoves. Desta cifra, 218 pacientes mantéñense nos seus domicilios recuperándose da enfermidade mentres que 20 persoas atópanse ingresadas, dúas menos nas últimas 24 horas.

Dentro dos ingresos, 18 permanecen no Hospital Montecelo do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra (CHUP) e un no Hospital do Salnés. A estes casos súmase un paciente  covid na Unidade de Coidados Críticos de Montecelo. Nas últimas horas falecía un home de 72 anos que se atopaba neste centro hospitalario. Con esta morte, o número de decesos na área ascende a 164 desde que se notifican as mortes derivadas da pandemia.

Segundo os datos ofrecidos pola Consellería de  Sanidade, nas últimas 24 horas realizáronse 1.141 probas PCR, que ofreceron un resultado de 11 novos positivos.

Desde o inicio do plan de continxencia curáronse 12.401 pacientes, cinco máis que os datos recolleitos durante o xoves. 

A incidencia acumulada a 7 días na cidade de Pontevedra é de 26,18 mentres que a incidencia acumulada a 14 días establécese en 57,14 por cada 100.000 habitantes. Neste venres cuantifícanse 47 positivos, catro menos que na xornada do 1 de abril.

DESCENSO DE CASOS ACTIVOS EN GALICIA

Galicia rexistra este venres 154 novos contaxios pola covid-19. Desta forma o número de persoas enfermas é de 2.306, 34 casos menos que este xoves, a pesar do lixeiro incremento que se experimentou nas áreas sanitarias de Pontevedra, Ourense e Santiago. 

Nas últimas horas faleceron dúas persoas con coronavirus. Permanecen 182 persoas hospitalizadas pola enfermidade, ademais de 30 pacientes que se atopan nas Unidades de Coidados Críticos, segundo os datos facilitados pola Consellería de Sanidade.

A incidencia acumulada nos últimos 7 días na comunidade autónoma é de 36,13 (+1,5), mentres que a cifra nos últimos 14 días sitúase en 68,42 (-1,2).