A Deputación de Pontevedra, ao abeiro do Plan Revitaliza, vai iniciar a segunda quenda de repartos de composteiros individuais entre a veciñanza de Vilaboa e de formación para compostar os biorresiduos domiciliarios. Este venres ás oito da tarde están convocadas un cento de persoas na Casa da Canteira de Paredes para recibir formación sobre compostaxe.
Con este novo reparto de composteiros e a celebración dunha nova xornada de explicación da compostaxe ponse de novo en marcha a maquinaria para acadar o obxectivo de que toda a poboación de Vilaboa (casas unifamiliares con horta) dispoña dun composteiro individual antes de que finalice este ano. A intención da Deputación e o Concello é evitar o uso dos colectores verdes como depósito de residuos orgánicos para reducir a frecuencia de recollida e, por tante, o seu custe para as arcas municipais.
Segundo explica o técnico de residuos da Deputación Agustín Vidal, estase a citar por teléfono á veciñanza de xeito personalizado e agárdase ter un novo éxito de asistencia, como aconteceu en pasadas ocasións. Nos repartos, que incluirán tamén explicacións formativas sobre compostaxe, entregarase a cada veciño e veciña un composteiro doméstico de exterior, un aireador, un termómetro analóxico e un manual de compostaxe. Na charla explicaranse os motivos polos que é importante a xestión do lixo a través do Plan Revitaliza da Deputación e cuestións prácticas do novo sistema de xestión dos residuos, e o funcionamento dos puntos verdes de intercambio de podas e estruturante, entre outras cuestións.
Hai que lembrar que nestes momentos está habilitado tamén un punto de reparto de composteiros individuais na casa do Concello, a onde se poden dirixir todos os cidadáns que non puideron recoller o material cando foran citados nas reunións das diferentes parroquias.