Voto por correo e sen saír de casa, a novidade para as eleccións do 12 de xullo

Pontevedra
10 de xuño 2020

Desde este luns 8 de xuño e ata o 2 de xullo xa se pode realizar a solicitude de voto por correo, en oficina ou por vía telemática. Unha vez recibida a documentación electoral no domicilio que se indique na solicitude, o elector pode optar entre entregarlle ao carteiro o sobre co seu voto ou ben depositalo posteriormente nunha oficina de Correos

Unha muller vota por correo na oficina de Pontevedra (arquivo)
Unha muller vota por correo na oficina de Pontevedra (arquivo) / Mónica Patxot

As eleccións ao Parlamento de Galicia, fixadas para o próximo 12 de xullo, celebraranse no medio dunha situación excepcional. A pandemia do coronavirus obrigou a cambiar os protocolos do voto por correo.

Nun tempo no que a poboación está a limitar os seus movementos e a interacción social, poder votar sen saír de casa preséntase como a gran novidade para as eleccións autonómicas.

Desde este luns 8 de xuño e ata o 2 de xullo xa se pode realizar a solicitude de voto por correo, en oficina ou por vía telemática.

Para a solicitude en oficina, teremos que desprazarnos a unha sucursal de Correos para cubrir a solicitude (ou levala impresa, previa descarga do formulario na web do Instituto Nacional de Estatística) e despois esperar a que a Oficina do Censo Electoral nos remita ao enderezo indicado na solicitude a documentación para exercer o dereito ao voto.

En caso de non querer desprazarnos a unha oficina de Correos, a solicitude do voto por correo pódese realizar de modo telemático a través da web www.correos.es e mediante sinatura electrónica. A partir de aí, como no caso anterior, a Oficina do Censo Electoral debe aprobar a solicitude e a continuación remitila ao enderezo que indicamos na solicitude.

A partir do 22 de xuño realizarase a entrega da documentación electoral do voto por correo aos electores que así o solicitaron no domicilio que indicaron. O persoal de Correos comprobará a identidade do votante mediante o DNI, pasaporte ou permiso de conducir e anotará o número do documento identificativo dando fe da recepción dos sobres e papeletas, sen que sexa imprescindible que o elector asine a entrega.

VOTACIÓN DESDE CASA

Como novidade nestas próximas eleccións ao Parlamento de Galicia (e tamén ao vasco) é que, no momento de recibir no seu domicilio a documentación electoral, o elector, se o desexa, terá a opción de entregar ao carteiro os sobres electorais cumprimentados a cambio dun xustificante acreditativo do depósito do seu voto, evitándolle así ter que acudir posteriormente a unha oficina de Correos.

Esta entrega dos sobres electorais ao carteiro trátase dun servizo opcional. En todo caso, mantense o dereito do elector a non entregar o seu voto nese momento e facelo nunha oficina de Correos.

AMPLIACIÓN DO DEPÓSITO DO VOTO POR CORREO

No caso de que o elector deposite o seu voto nunha oficina de Correos, debe ter en conta os prazos legais establecidos. Debido ás circunstancias actuais, a Xunta Electoral Central acordaba ampliar o prazo para depositar o voto por correo nas oficinas de Correos ata o venres 10 de xullo, ás 14 horas.

Unha vez depositados os sobres electorais dos cidadáns que solicitaran exercer o seu dereito ao voto por correspondencia, Correos deberá asegurar a entrega destes sobres nas respectivas mesas electorais na xornada electoral do domingo 12 de xullo.

Desde Correos e Telégrafos lémbrase que unha vez presentada a solicitude de voto por correo, se é aceptada pola Oficina do Censo Electoral, o elector non poderá votar na mesa electoral o día da votación.