A comezos de outubro, o campus de Pontevedra acollerá as miradas do WordPress coa celebración da primeira WordCamp Galicia, un evento que nace da unión de todos os grupos locais da comunidade e que se desenvolverá durante tres días na Facultade de Comunicación.
A cita, presentada este luns na Vicerreitoría do campus, na Casa das Campás, espera reunir entre 250 e 300 persoas e xa conta con case douscentas persoas inscritas.
Tras celebrarse por separado en Vigo e Pontevedra en 2024, os organizadores decidiron unir forzas para crear un evento autonómico.
"Decatámonos de que non tiña sentido percorrer o camiño por separado. Porque o que nos une fortalécenos", explican na web do evento. Así, WordCamp Galicia xunta a grupos de A Coruña, Ferrolterra, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago e Vigo.
A vicerreitora do Campus de Pontevedra, Eva María Lantarón, destacou durante a presentación que se trata da primeira WordCamp en Galicia con apoio institucional e cobertura para toda Galicia, recordando que a edición pontevedresa de 2018 foi a primeira en contar con tal respaldo.
Pola súa banda, a decana da Facultade de Comunicación, Emma Torres Romay, agradeceu que se volvese a poñer o foco no campus e animou o alumnado a participar nunha "oportunidade boísima" de cara ao seu futuro profesional.
O evento vai iniciarse o venres 3 de outubro cun taller de iniciación a WordPress gratuíto, impartido polo experto Fernando Tellado, e cun 'do_action hackathon' no que se crearán páxinas web para unha decena de asociacións sen ánimo de lucro.
O sábado 4, día central da cita, estará dedicado ás conferencias, con dúas salas simultáneas que abordarán temas como o desenvolvemento web ou a intelixencia artificial, cun custo de 12 euros para a comunidade universitaria (prezo rebaixado nun 60%) que inclúe xantar e almorzo.
A xornada concluirá cunha festa "rachada" de confraternización.
O domingo 5 reservarase ao "Día da Comunidade", dedicado a traballos colaborativos de código aberto.
Wajari Velásquez, membro da organización, subliñou o carácter internacional e aberto do evento, coa asistencia esperada de persoas de Portugal e a emisión en streaming a través dunha canle de WordPress. Velásquez animou a toda a persoa con interese no mundo dixital a participar, xa que "todo é código aberto" e está orientado á aprendizaxe.
A entrada xeral, que dá acceso ás actividades do sábado e domingo incluíndo comidas e a 'after party', entán á venda. O evento está organizado de xeito desinteresado por membros da comunidade de WordPress en Galicia e conta co apoio da Universidade de Vigo.