O pleno do Parlamento de Galicia deste lunes, no que se debateron e aprobaron os orzamentos da comunidade para este 2017, tamén serviu para dar a benvida a cinco novos deputados do grupo popular que tomaron posesión ao moverse as listas pola renuncia aos seus escanos de varios conselleiros. Entre eles estaba o voceiro do PP no Concello de Pontevedra, Jacobo Moreira.
Os novos deputados que tomaron posesión son Gonzalo Trenor López e María Soraya Salorio Porral pola provincia da Coruña e Jacobo Moreira Ferro, Isabel Novo Fariña e Moisés Rodríguez Pérez pola de Pontevedra, sendo Moreira o único que repite no cargo.
Compostelano de nacemento, Jacobo Moreira é licenciado en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela e exerceu 20 anos como avogado en diferentes bufetes e na empresa privada. Na vida política, é concelleiro do PP en Pontevedra desde o ano 2007 e voceiro do grupo municipal desde 2012, sendo elixido presidente local do partido no 2014. Xa foi deputado autonómico nas dúas últimas lexislaturas.
Isabel Novo Fariña é natural de Portas, onde exerce como concelleira de Educación, Cultura, Turismo e Xuventude desde as eleccións municipais de 2015. Ten estudos en Ciencias Políticas na Universidade de Santiago de Compostela e é empresaria.