Tras varios atrasos por diversas cuestións técnicas, a veciñanza de San Roque xa pode gozar das instalacións do novo parque infantil do Campo da Torre.
Nesta reforma, tramitada durante o pasado mandato, investíronse case 75.000 euros.
O edil de Parques e Xardíns, Xaquín Moreda, destacou durante unha visita a este parque que esta zona busca ser unha área de xogo "mais tamén de estancia" para os adultos.
Moreda subliñou o uso de materiais nobres como é a madeira para a construción deste novo espazo, que ten unha textura e unhas cores "moi agradables e integradas na zona".
Entre as accións que se levaron a cabo estivo a colocación de troncos de madeira que se utilizarán para realizar diferentes xogos de equilibrio e escalada.
Outro dos puntos máis destacados desta actuación foi a reestruturación do novo parque de lecer, gañando espazo público na parte da rúa que dá á praza de touros.
Ademais, plantouse unha árbore na parte máis asollada do parque, que contribuirá xunto ao resto de árbores da zona a proporcionar sombra e será utilizada como elemento de xogo ao crear ao seu ao redor unha estrutura de madeira a modo de "casa da árbore".
A este parque, segundo Xaquín Moreda, se unirá "nun breve período de tempo" o parque de auga situado no parque de Rosalía de Castro, que ultima as súas obras de construción.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.