O prazo para participar no Concurso Virtual de Cartaces de San Xoán do Concello de Poio atópase aberto e aqueles menores de 16 anos que queiran participar teñen a oportunidade de formar parte desta actividade clásica dentro da programación das festas tradicionais de Poio.
Nesta ocasión, o concurso ten unhas características telemáticas debido á situación sanitaria que marca a Covid-19. Os menores, con idades comprendidas entre 6 e 16 anos residentes no municipio, que realicen os deseños deberán publicalos en redes sociais de Facebook ou de Instagram cunha foto da súa creación utilizando o cancelo #SanXoanPoio2020.
O texto deberá estar escrito en lingua galega utilizando as palabras Festas de San Xoán, Poio e Xuño 2020. Tamén deberá figurar o nome do participante e a parroquia na que vive.
Os tres deseños que consigan máis puntos por parte do xurado gañarán un vale de 100 euros para poder gastar en librerías do municipio de Poio. Con este premio, o goberno local tamén quere dinamizar economicamente estes establecementos comerciais.
A presentación destes carteis conclúe o mércores 17 de xuño ás 23.59 horas. O concurso virtual forma parte da programación alternativa das festas de Poio, que este ano teñen como obxectivo dar máis relevancia a artistas e organizacións do municipio, con concertos e actividades culturais que cumpran coas medidas de seguridade necesarias.