A unión entre a VG-4.1, o coñecido como corredor do Salnés, e a estrada PO-308 na Lanzada, conta desde este sábado cun carril segregado para mellorar a mobilidade na zona.
Este novo viario posibilita que os vehículos que veñen desde Sanxenxo pola vía rápida non teñan que atravesar esta glorieta e accedan directamente á PO-308 cara ao Grove mediante este carril adicional que vai até o paso de peóns.
Esta medida, segundo a conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, permitirá desconxestionar o tráfico en todo este ámbito.
Explicou que con estas obras, que foron acometidas en apenas vinte días, a Xunta conta "con que se alivie dalgún xeito o tráfico que se produce nesta rotonda final da vía do Salnés", especialmente durante a época do verán.
Martínez Allegue explicou que esta obra se acomete despois dos estudos realizados, que confirmaron que o tamaño actual da glorieta funcionaba como unha intersección en T.

A súa configuración primaba os tráficos que veñen da PO-308, de Sanxenxo, fronte aos que proceden da autovía, provocando atascos e retencións.
A conselleira salientou que o goberno galego, ademais desta solución a curto prazo, está a rematar os estudos de avaliación de alternativas para unha solución máis global.
Así, avanzou que as futuras actuacións non só serán melloras viarias, senón tamén redundarán na mobilidade peonil e na mellora paisaxística e posta en valor desta paraxe Rede Natura 2000.