O concelleiro de Urbanismo, Gregorio Agís, e o responsable de Obras e Servizos, Julio Casás, pasaron revista este mércores ao terreo que o Concello vén de acondicionar nas inmediacións do CEIP Lourido e que poderá ser utilizado como aparcadoiro libre.
O espazo xa está a disposición da veciñanza e da comunidade escolar, logo do acordo acadado coa persoa propietaria da parcela, a quen tanto Agís como Casás expresaron o seu agradecemento pola súa colaboración á hora de facilitar a súa cesión.
Deste xeito, a área está xa lista para o comezo do curso, este xoves 8 de setembro. Ao longo dos últimos días os operarios municipais procederon á limpeza e posta a punto da superficie. Ademais, tamén se procedeu a habilitar unha sinalización vertical no acceso.
O acondicionamento deste aparcadoiro serve para dar resposta a unha demanda histórica realizada por parte da ANPA e da dirección do colexio de Lourido. Ata o de agora, a falta de espazos na estrada provocaba continuos atascos e embotellamentos á entrada do recinto, especialmente ás horas de entrada e saída do alumnado. Coa dotación desta parcela, gáñanse numerosas prazas de estacionamento a moi poucos metros do recinto escolar, ao tempo que tamén se reforza a seguridade viaria, ao quedar máis espazo para os peóns.
Maila que a superficie xa está operativa, os responsables de Urbanismo e Obras e Servizos sinalan que desde estas áreas farase un seguimento exhaustivo do estado da parcela. "Somos conscientes de que hai algunhas partes nas que pode acumularse auga se se producen choivas durante moitos días de xeito continuado. Son localizacións moi puntuais que non afectarán á capacidade para acoller a un gran número de vehículos, pero, en todo caso, estudaremos que medidas tomar en caso de que se chegue a esa situación", apuntaron os dirixentes municipais.