Xa non hai volta atrás. O Concello comprará por 1,1 millóns o local de Ferreiros

Pontevedra
15 de maio 2017

A Xunta de Goberno aprobou o procedemento de contratación para a adquisición do local por un importe de 1.152.000 euros. As previsións de Raimundo González son que o próximo mes poida empezarse co expediente das obras de acondicionamento e que todo estea listo para o primeiro semestre de 2018 

Local da rúa dos Ferreiros que comprará o Concello
Local da rúa dos Ferreiros que comprará o Concello / Mónica Patxot

O Concello de Pontevedra segue avanzando na compra do local da rúa dos Ferreiros para unificar os servizos de xestión tributaria, urbanismo e tesourería. A Xunta de Goberno deste luns aprobou o procedemento de contratación para a adquisición do local por un importe de 1.152.000 euros.

O portavoz municipal, Raimundo González, explicou que os técnicos municipais concluiron que non é necesaria a concorrencia competitiva para a adquisición do local e, tras a aprobación no Pleno da Corporación da modificación de crédito necesaria para a adquisición, tan só faltaba levar o asunto á Xunta de Goberno. Este luns era o primeiro día que se podía facer. 

Unha vez que se aprobado o procedemento de contratación, empeza a conta atrás para que o Concello engada este local entre as rúa dos Ferreiros e Pardo Bazán ao inventario municipal. Unha vez que o propietario actual, Afundación, acepte, xa poderá formalizarse a compra. 

As previsións de Raimundo González son que o próximo mes poida empezarse co expediente das obras de acondicionamento. De momento, aínda pode redactarse un borrador, pero non o proxecto porque o baixo aínda non é propiedade municipal.

Tras a execución deses traballos, prevese que para o primeiro semestre de 2018 xa poida ser unha realidade o traslado ao novo local dos servizos de urbanismo, tesourería e xestión tributaria. 

O portavoz do goberno local lembra que a adquición deste local de 1.300 metros cadrados -600 metros na baixa e 700 na alta- supoñerá "unha mellora na prestación de servizos aos cidadáns" e tamén unha mellora das condicións laborais dos funcionarios.