Xa podes colaborar coa investigación do cancro inscribíndote na sexta marcha da AECC Pontevedra

Pontevedra
21 de agosto 2024

A marcha solidaria, non competitiva, será o domingo 6 de outubro. A participación está aberta a todas as idades e tamén se pode acudir con mascota

Quinta edición de 'Pontevedra en marcha contra o cancro'
Quinta edición de 'Pontevedra en marcha contra o cancro' /

Colaborar no financiamento de proxectos de investigación sobre cancro e con iso incrementar as taxas de supervivencia é o obxectivo das marchas populares que organiza a Asociación Española Contra o Cancro en todo o territorio español. No caso de Pontevedra, a agrupación desta capital ten xa abertas as inscricións para todas aquelas persoas que queiran participar na sexta marcha contra o cancro que terá lugar o domingo 6 de outubro.

Nas súas cinco edicións previas xa conseguiu ser unha das marchas solidarias con máis concorrencia en Pontevedra. A organización espera reunir nesta ocasión tres mil persoas. Comezará ás 10.30 horas e terá un percorrido circular que saldrá da Praza de España, seguirá polo centro urbano para continuar polas marismas de Alba e regresar ao lugar de partida.

A participación está aberta a todas as idades e mesmo se pode acudir coas mascotas, no caso de ser así, estas tamén terán o seu obsequio. As persoas que formalicen a inscrición poden optar por facela con ou sen camiseta. O prezo para adultos é de 12 ou 6 euros, nun ou outro caso; para nenos de catro a dezaseis anos é de 9 ou 3 euros, nun ou outro caso. Os menores de tres anos poden participar gratuitamente.

Hai dúas vías para inscribirse, fisicamente na sede da Asociación na rúa Eduardo Pondal 64A, baixo; e a través de internet na web RockTheSport.

A taxa actual de supervivencia ao cancro está no 61,7% entre as mulleres e no 55,3% entre homes. A Asociación Española Contra o Cancro quere chegar ao 70% de taxa de supervivencia en 2030 e para iso é fundamental dispoñer de fondos que sufraguen proxectos de investigación.