Un total de 48 parcelas do polígono de Barro-Meis acaban de saír a concurso público e as empresas interesadas teñen un mes para constituír un dereito de superficie ou de propiedade sobre os 157.263 metros cadrados de terreo dispoñible.
A Deputación de Pontevedra acaba de convocar o concurso público para a venda ou constitución dun dereito de superficie das 48 parcelas, que se confirmou coa publicación este mércores no Diario Oficial de Galicia do anuncio oficial da convocatoria, tras ser aprobado no pleno da corporación provincial do 28 de decembro.
Estas novas parcelas teñen un prezo de saída de 99 euros máis o IVE correspondente e supoñen distintas superficies comprendidas entre 1.500 metros cadrados e 6.000. As parcelas poden ser adquiridas en propiedade ou coa nova fórmula de constitución dun dereito de superficie, cun mínimo de cinco anos e un máximo de 25 anos, e con opción final de compra da mesma parcela.
Para a adxudicación das parcelas vaise valorar, en primeiro lugar, o prezo ofertado, cun mínimo de 99 euros; as condicións medio ambientais do proxecto, a inversión económica prevista e o interese social do proxecto baseado no número de empregos a crear. Ofrécese tamén a posibilidade, en atención á situación económica actual, de que o pago do prezo final pódase realizar nun prazo de dez anos.
Na actualidade o polígono de Barro-Meis ten ocupada unha superficie de preto de 99.000 metros cadrados, tras a venda das primeiras 25 parcelas,a once empresas para a instalación das súas dependencias. Ademais o polígono conta co viveiro de empresas e o centro de apoio empresarial que dependen da propia Deputación.