Xa se pode aparcar de balde na finca da Coca-Cola

Poio
04 de decembro 2023

Poio abre este novo aparcamento de balde de máis de 150 prazas en San Salvador. Está situado nunha parcela de máis de 6.000 metros cuadrados na rúa Valiña, e para o seu uso foi necesaria unha modificación puntual do Plan Xeral, un convenio coa empresa propietaria dos terreos e labores de acondicionamento

Ángel Moldes e Rocío Cochón na finca da Coca-Cola
Ángel Moldes e Rocío Cochón na finca da Coca-Cola / Concello de Poio

Poio conta desde hoxe cun novo aparcadoiro disuasorio con 151 prazas de estacionamento libre e de balde, das que catro son para persoas con mobilidade reducida.

O alcalde, Ángel Moldes, visitou este luns o equipamento coincidindo coa apertura de portas, acompañado pola concelleira de Urbanismo, Rocío Cochón. 

O estacionamento ocupa a antiga "Finca da Coca-Cola", unha parcela de 6.000 metros cadrados na rúa Valiña, na parroquia de San Salvador que levaba máis de 15 anos sen uso.

Nas últimas semanas, leváronse a cabo tarefas de acondicionamento e limpeza, retirada de material, mellora do firme e nos próximos días rematará coa instalación de puntos de luz para garantir a máxima seguridade.

O alcalde destacou que este luns "facemos realidade un compromiso que adquirimos na oposición cos veciños desta zona para dar resposta a unha demanda histórica", subliñou Ángel Moldes, ao tempo que recoñeceu que "os residentes neste lugar tiñan que facer auténticos malabares para atopar unha praza cando volvían do traballo". 

O alcalde explicou que o desbloqueo do proxecto foi posible grazas a unha modificación puntual do Plan Xeral de Ordenación Municipal, aprobada no pleno de agosto, e a sinatura dun convenio coa empresa propietaria dos terreos permitindo o seu uso inmediato con fins de aparcamento. Con todo, dixo que o obxectivo era abrilo antes, pero os trinta días de temporais continuados condicionaron a posta a punto do aparcamento.

Pola súa banda, a responsable de Urbanismo, Rocío Cochón, destacou a satisfacción de recuperar estes terreos sen uso "para darlles unha nova vida e poñelos á disposición da xente nunha das zonas máis dinámicas e poboadas de Poio".

Máis de 5.000 persoas viven nun radio de 500 metros do novo aparcamento, entre eles case 1.500 só nas rúas Valiña e Benigno Esperón.