Xa voa libre un mazarico negro que foi curado no Centro de Recuperación de Fauna Silvestre

Pontevedra
07 de marzo 2022

A solta desta ave tivo lugar no observatorio de aves da Lanzada despois de 13 días de coidados, alimentación e exercicios na citada instalación autonómica, a onde chegou cunha forte debilidade nas súas patas tras ser atopada en Campañó

Mazarico negro que foi curado no Centro de Recuperación de Fauna Silvestre
Mazarico negro que foi curado no Centro de Recuperación de Fauna Silvestre

Este luns foi liberado e devolto á natureza na contorna da Lanzada un exemplar de mazarico negro (Plegadis Falcinellus) que foi curado no Centro de Recuperación de Fauna Silvestre de Carballedo, en Cerdedo-Cotobade. 

O solta desta ave tivo lugar a primeira hora desta mañá no observatorio de aves deste areal no Grove por parte do delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, que estivo acompañado polo xefe territorial de Medio Ambiente, José Manuel González, e técnicos deste departamento.

Este mazarico, tamén chamado popularmente morito común, foi atopado por vixiantes de Recursos Naturais da Patrulla de Desembocaduras o pasado 22 de febreiro nun xardín dunha vivenda de Campañó, e entregouse no centro autonómico para a súa recuperación, xa que se atopaba en mal estado.

Tras unha primeira exploración, observouse que presentaba debilidades nos membros posteriores e unha lixeira apatía, aínda que as constantes vitais e o peso se movían en valores normais. Paralelamente, e tendo en conta os hábitos desta ave e que procedía dunha Zona de Especial Vixilancia, aplicouse o protocolo de seguridade sanitaria e tomáronse mostras de influenza aviar.

Este animal estivo a tratamento durante 13 días en Carballedo, seis deles na UVI, con fluidoterapia, unha alimentación axeitada na que se misturaron líquidos e sólidos e, finalmente, exercicios no túnel de voo, que se foron combinando coa súa presenza nas estancias de aves para que fora gañando musculatura.

Despois de garantir a súa recuperación e comprobar que xa estaba listo para volver á natureza, programouse a súa solta neste hábitat da Lanzada, moi propio para esta especie e situado nas inmediacións dun dos observatorios de aves máis importante do complexo intermareal Umia-O Grove.

Este mazarico negro foi posto en liberdade cunha anela metálica tradicional, de gran utilidade para recoñecelo en caso de que no futuro sufra algún problema, e con outra de lectura a distancia, que foi facilitada pola Estación Biolóxica de Doñana, dependente do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC).

Esta especie é a única á que se lle realiza este proxecto de control en toda España pola súa gran riqueza e valor á hora de ter datos sobre a evolución dos distintos hábitats e ecosistemas.

Trátase da segunda ave da especie do mazarico negro que foi tratada no centro de Carballedo desde finais do pasado ano, cando no mes de decembro tivo que atenderse a outra rescatada na zona portuaria de Vigo.