Xabier Fortes, premio Ondas ao mellor presentador de televisión

Pontevedra
18 de outubro 2017

Os premios Ondas, que entrega anualmente Radio Barcelona da Cadena SER, volven fixarse en Pontevedra. O xornalista Xabier Fortes foi elixido polo xurado destes prestixiosos galardóns como o mellor presentador de televisión

Xabier Fortes na Playlist de PontevedraViva Radio
Xabier Fortes na Playlist de PontevedraViva Radio / Mónica Patxot

Os premios Ondas, que entrega anualmente Radio Barcelona da Cadena SER, volven fixarse en Pontevedra. O xornalista Xabier Fortes foi elixido polo xurado destes prestixiosos galardóns como o mellor presentador de televisión.

O fallo, coñecido este mércores, destaca o entusiasmo de Fortes ante o micrófono e a súa coraxe en defender a verdade na redacción de informativos de TVE en Galicia.

Pouco despois de coñecerse que era un dos premiados, Xabier Fortes explicou a PontevedraViva que "no me lo esperaba", xa que descoñecía que se presentou a súa candidatura. "Me mandó un mensaje una compañera diciendo 'qué callado te lo tenías' y no supe de qué estaba hablando hasta que me llamaron de la SER", asegura.

"Es una alegría", engade Fortes, a quen lle agrada especialmente que non só recoñezan a súa traxectoria profesional senón tambien a loita "colectiva" por lograr unha TVE "digna" ao servizo dos cidadáns despois de seis anos "catastróficos" desde o punto de vista da manipulación informativa. Unha pelexa "constante" na que están involucrados "miles de compañeros con más valentía que yo" e aos que dedica un premio que, considera, é "colectivo".

O que ten claro é que, o día que vaia a Barcelona a recoller o Ondas, "haré un guiño a Pontevedra y a la ciudad" en su discurso de agradecimiento.

Xabier Fortes comparte o Ondas na categoría de presentador de televisión con Susanna Griso, condutora de Espejo público en Antena 3 ou Josep Cuní, presentador do programa 8aldía nunha cadea autonómica catalá.

Ademais, Angels Barceló, Isabel Gemio, Virginia Díaz (Radio 3), os actores Javier Gutiérrez, Blanca Suárez e Josep María Pou, a serie Sé quién eres, o programa Aquí la tierra de TVE ou os artistas Alejandro Sanz, Jarabe de palo, Carlos Vives ou Camarón de la Isla son outros dos premiados nos Ondas 2017.