Xaneiro eleva o paro na provincia de Pontevedra en 700 persoas

Pontevedra
04 de febreiro 2020

Como é habitual, xaneiro non foi un bo mes para os datos do desemprego. Iso si, Galicia parece resistir mellor que outras comunidades españolas. O inicio de 2020 deixou a 700 pontevedreses máis nas listas do paro na provincia

Traballadores dun barco pesqueiro
Traballadores dun barco pesqueiro / CEMMA

Como é habitual, xaneiro non foi un bo mes para os datos do desemprego. Iso si, Galicia parece resistir mellor que outras comunidades españolas. O inicio de 2020 deixou a 700 pontevedreses máis nas listas do paro na provincia.

Os datos que desvelou este martes o Ministerio de Traballo e Economía Social reflicten que, ao 31 de xaneiro, hai 65.704 persoas sen emprego en Pontevedra, un 1,08% máis que en decembro.

En termos interanuais, con todo, na provincia hai 3.504 parados menos que en xaneiro de 2019, o que supón unha caída do 5,06%.

Por sectores, o desemprego reduciuse en todos excepto nos servizos, que rexistra 1.121 parados máis que en decembro. Na agricultura hai 83 persoas desempregadas menos; na industria, 103 menos; e na construción, 108 menos. No colectivo sen emprego anterior tamén se reduce o desemprego (127 menos).

No caso da cidade de Pontevedra, segundo a Consellería de  Emprego, Economía e Industria, as cifras de desemprego en Pontevedra creceron en 90 persoas durante o primeiro mes do ano. En total, a capital ten rexistrados actualmente 5.598 demandantes de emprego, un 1,63% máis que en decembro.

A capital ten rexistrados actualmente 5.598 demandantes de emprego, un 1,63% máis que en decembro

O aumento do paro en xaneiro é xeneralizado en todos os municipios do ámbito de influencia de Pontevedra, especialmente naqueles con maior dependencia do sector servizos. Só Ponte Caldelas, Barro e Campo Lameiro lograron reducir o desemprego.

Con respecto a Galicia, o paro creceu en xaneiro ata os 167.755 desempregados, un 1,48% máis que o último mes de 2019.

Tamén caeron os cotizantes á Seguridade Social, con 13.752 afiliados menos, ata situarse nos 1.020.258 galegos; e en xaneiro asináronse 85.856 contratos, dos cales 77.295 foron temporais. Só dez de cada cen contratos foron indefinidos.

 

     Xaneiro     Decembro    Variación
Pontevedra 5.598 5.508 90
Barro 245 248 -3
Bueu 767 754 13
Caldas de Reis 700 698 2
Cambados 1.018 978 40
Campo Lameiro 136 140 -4
Cerdedo-Cotobade 341 332 9
Cuntis 316 300 16
O Grove 918 916 2
A Illa de Arousa 280 261 19
A Lama 153 147 7
Marín 1.599 1.564 35
Meaño 362 365 -3
Meis 331 311 20
Moraña 284 282 2
Poio 1.025 1.012 13
Ponte Caldelas 476 483 -7
Portas 196 191 5
Ribadumia 301 307 -6
Sanxenxo 1.141 1.061 80
Vilaboa 379 375 4
Vilagarcía de Arousa 3.259 3.223 36
Vilanova de Arousa    733 737 -4

 

Arquivado en