Ata dez tipos de flores diferentes terá o xardín vertical co que o Concello de Pontevedra porá o ramo á reforma urbana prevista na rúa Luis Seoane.
Esta intervención, que xa está en fase de contratación, custará algo máis de 368.000 euros, que serán financiados con cargo ás transferencias da Deputación ao Concello.
A actuación permitirá transformar unha vía con problemas de estacionamento e accesibilidade nun espazo de convivencia e de alta calidade urbana.
"Busca resolver os diferentes problemas detectados na rúa, como o excesivo número de vehículos mal estacionados e o mínimo espazo peonil", destaca o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores.
Así, esta reforma integral converterá esta rúa sen saída nunha nova praza urbana na contorna da avenida de Vigo, un espazo que actualmente carece destas características.

O proxecto prevé a instalación dunha especie de plataforma única, incluíndo dúas plataformas de 80 centímetros para sortear o desnivel.
Entre as melloras urbanísticas, inclúese a renovación dos servizos de pluviais e abastecemento, a instalación de novo mobiliario urbano e nova iluminación.
Ademais, serán colocadas luces LED no chan para favorecer que non haxa sombras que provoquen problemas de accesibilidade.
O prazo de execución da obra, unha vez adxudicada, será de cinco meses.