A Xunta de Galicia arrefriou as expectativas con respecto á ampliación do polígono do Campiño, unha medida que solicitaron os empresarios, o goberno municipal e o PP. Alfonso Rueda sostén que, por agora, esta área industrial ten solo dispoñible.
"Imos primeiro a enchelo antes de pensar en futuras ampliacións", asegurou o presidente galego, que este martes visitou as obras do Gran Montecelo.
Rueda considera unha "boa noticia" que se pidan ampliar terreos industriais e asegura que "alegraríame moito como pontevedrés" que a cidade tivese a necesidade de ter máis solo dispoñible "porque iso significaría que hai empresas que se queren instalar".
Pero o titular da Xunta defendeu que a política do executivo autonómico é que mentres exista dispoñibilidade de solo nas zonas nas que se solicitan ampliacións "o lóxico é colmatar eses espazos antes de facer nada".
Alfonso Rueda sinalou que, en todo caso, o goberno galego estudará a viabilidade destas peticións e as previsións para a instalación de novas empresas, "e en función diso veremos se é necesario ampliar ou non".
Matizou que, segundo os datos da Consellería de Medio Ambiente, que segundo Rueda "é a competente" en materia de promoción de solo industrial, no Campiño aínda existen parcelas dispoñibles, polo que de entrada a Xunta non comparte a necesidade de aumentar a súa oferta.