Xoanqui Ameixeiras abre as Festas de San Roque cun emocionante pregón dun "foráneo namorado desta ría"

O Salnés
12 de agosto 2022

Xoanqui Ameixeiras cambiou este xoves 11 de agosto os fogóns do seu programa da Televisión de Galicia polo balcón da Casa Consistorial de Vilagarcía, ao que se asomaba ás 20.30 horas para pregoar as excelencias das Festas de San Roque

Celebración de San Roque durante este xoves 11
Celebración de San Roque durante este xoves 11

O popular cociñeiro Xoanqui Ameixeiras cambiou este xoves 11 de agosto os fogóns do seu programa da Televisión de Galicia polo balcón da Casa Consistorial de Vilagarcía, ao que se asomaba ás 20.30 horas para pregoar as excelencias das Festas de San Roque.

O acto contou coa intervención da Banda de Música de Vilagarcía. Minutos antes de iniciarse o pregón, na Praza de Ravella concentrábanse as asociacións, clubs deportivos e colectivos sociais e culturais que participaron na ofrenda floral ao santo. Este ano foron un total de vinte e un grupos os que formaron a comitiva que dende Ravella se desprazou a pé ata a Praza de España para presentarlle as súas ofrendas a San Roque.

Xoanqui Ameixeiras (Fene, 1971) fixo un percorrido polos lugares que máis lle marcaron nos case 30 anos que leva vivindo en Vilagarcía e explicou "desde un punto de vista de alguén foráneo, o motivo do meu casamento con este pobo, no que levo máis da metade da miña vida, e do que me sinto tan orgulloso".

"Cheguei a Vilagarcía de Arousa o 4 de outubro do 94. Despois de facer a mili, con 22 anos. Un contrato laboral foi a desculpa perfecta para vir ás Rías Baixas", relataba. "Merquei unha bici, e nun mes tiña percorrido toda a parroquia e parte da contorna".

Tras descubrir o monte Xiabre e a illa de Cortegada "non tardei en convencerme que non podía marchar. Que temos moitísima sorte de vivir nun pais tan fermoso", sinalaba o pregoeiro. A estas paisaxes, o cociñeiro engadiu un percorrido polos bos produtos da gastronomía.

Ameixeiras tamén subliñaba "a progresión dunha cidade dun xeito exponencial" e moi cómoda para percorrer, tanto o centro como as parroquias. Neste punto non faltou a broma cando despois de eloxiar as obras que se teñen feito en diferentes rúas aproveitou a presenza do alcalde de Vilagarcía para reivindicar o arranxo da súa.

"Non quedou unha beirarrúa sen levantar e actualizar. Menos a da miña rúa, que aínda está coas lousas vellas e rotas, que ademais é a mesma rúa que a do pai do alcalde... Eu sempre crin que cando chegas a alcalde, por lei, cámbianse as beirarrúas e póñense farolas á familia, pero non, estaba trabucado...", chanceou o popular cociñeiro.

Así mesmo, Xoanqui Ameixeiras animaba a desfrutar as festas de San Roque "con sentidiño" e convidando ao numeroso público presente cun "Viva San Roque!" a que "comece a troula".