Xoel Souto Eiras, candidato socialista en Moraña, presenta os integrantes da súa lista

Umia
30 de abril 2023

No acto estivo acompañado da presidenta do PSdeG, Carmela Silva; Alberto Varela, alcalde de Vilagarcía de Arousa e as números 2 e 4 da súa candidatura, Marta Pérez e Cintia Piñeiro

Xoel Souto e Carmela Silva, en Moraña
Xoel Souto e Carmela Silva, en Moraña / PSdeG-PSOE

O Centro Multiusos de Moraña foi o escenario onde este sábado Xoel Souto Eiras, candidato socialista á alcaldía, presentaba a lista coa que pretende recuperar o mandato para o PSdeG-PSOE. 

Na súa intervención sinalou que se respira a sensación de que algo está a pasar e que darán a volta a esta situación que se vive en Moraña onde "falta proxecto" criticando o "desgoberno do PP". 

No acto estivo acompañado por Carmela Silva, presidenta do PSdeG; Alberto Varela, alcalde de Vilagarcía e as números 2 e 4 da súa candidatura, Marta Pérez e Cintia Piñeiro.

Presentou á súa lista como un conxunto de "xente ilusionada, plural, formada e traballadora".

O candidato socialista, entre outras propostas, anunciou que pelexará polo Centro de Saúde co obxectivo de que funcione ao 100% cubrindo as prazas de médicos e de pediatra.