Xogos e cooperación para facilitar a transición ao instituto

Poio
25 de abril 2026

Paralelamente, o Concello prepara unha nova edición dos Espazos Concilia, o proceso de inscrición abrirase do 6 ao 19 de maio

Participantes nas III Xornadas de Convivencia
Participantes nas III Xornadas de Convivencia / Concello de Poio

O Concello de Poio celebrou este venres 24 de abril na Seca as III Xornadas de Convivencia dirixidas ao alumnado de 6º de Primaria dos cinco colexios do municipio, unha iniciativa pensada para facilitar a transición á etapa de Secundaria e favorecer a integración antes da chegada ao instituto.

Preto de cen rapaces participaron nesta actividade gratuíta, na que durante tres horas tomaron parte nunha megaxincana con probas, xogos e dinámicas cooperativas.

O obxectivo foi promover a convivencia, o traballo en equipo e o coñecemento entre estudantes que compartirán centro educativo o próximo curso.

A concelleira de Mocidade, Tamara González, destacou o valor desta experiencia como espazo de encontro xa que "é unha oportunidade para coñecerse, poñerse cara e gozar todos xuntos antes de coincidir no instituto".

Paralelamente, o Concello prepara unha nova edición dos Espazos Concilia, o programa municipal de verán co que se busca facilitar a conciliación das familias e ofrecer actividades de lecer para a rapazada durante as vacacións escolares.

O servizo desenvolverase entre xullo e setembro nos colexios de Isidora Riestra (San Xoán), Viñas (San Salvador) e Espedregada (Raxó), cun total de máis de 1.000 prazas dispoñibles ao longo do verán. Haberá 240 prazas por quincena en xullo e agosto e 50 na semana previa ao inicio do curso.

As actividades estarán dirixidas a nenos e nenas nados entre 2014 e 2022 e desenvolveranse de luns a venres, entre as 7.30 e as 15.00 horas, cun custo de 20 euros por quincena e 12 euros na semana de setembro.

O proceso de inscrición abrirase do 6 ao 19 de maio e poderá realizarse no rexistro municipal, no Pazo Besada ou a través da sede electrónica do Concello. No caso de superar a oferta de prazas, estas adxudicaranse segundo un baremo social que terá en conta criterios como a renda, situación familiar, discapacidade ou risco de exclusión.

A publicación das listas provisionais será o 27 de maio e das definitivas o 8 de xuño, mentres que as reunións informativas coas familias terán lugar os días 15 e 16 de xuño.