'Xogos na rúa' pecha o ano cun 'Escape de barrio' na Zona Monumental

Pontevedra
26 de decembro 2022

A cita é este martes, 27 de decembro, e arranca ás 17.00 horas na praza do Teucro

Nenos xogando nunha praza de Pontevedra
Nenos xogando nunha praza de Pontevedra / Mónica Patxot

A zona monumental será na tarde deste martes, 27 de decembro, escenario dun divertido 'Escape barrio', a nova proposta de 'Xogos na Rúa', na que os equipos familiares participantes (nenos e maiores) terán que conxugar habilidade, enxeño e dotes de observación para superar distintas probas e conseguir completar o reto, ao tempo que coñecen máis do casco histórico da cidade.

O xogo comezará ás 17.00 horas na praza do Teucro e terá unha duración de dúas horas. As prazas están esgotadas.

'Xogos Na Rúa' Efecto PO2 son unhas xornadas lúdicas - promovidas pola Concellería de Promoción da Cidade, dirixida por Anabel Gulías- que convidan ás familias a ocupar distintas rúas e prazas da cidade co dobre obxectivo de converter o espazo público nun punto de encontro lúdico e interxeracional no que compartir xogos, risas e diversión e, por outra banda, nun escenario ideal para estreitar lazos de amizade, xerar empatía e solidariedade entre a veciñanza e construír barrio.

A falta da celebración da xincana interbarrios, suspensa o 11 de decembro a causa das previsións do tempo, o escape barrio pecha o calendario de actividade de 'Xogos na Rúa 2022'.