Xornada aberta para presentar o proxecto 'A Redeira' á cidadanía

Pontevedra
26 de xuño 2021

O Pazo da Cultura acollerá o vindeiro martes 29 de xuño o primeiro encontro cidadán deste proxecto co obxectivo de dalo a coñecer

A concelleira Anabel Gulías presenta A Redeira PO2
A concelleira Anabel Gulías presenta A Redeira PO2 / Mónica Patxot

A concellería de Promoción da Cidade que xestiona Anabel Gulías prepara o primeiro encontro presencial da rede cidadá 'A Redeira'.

O Pazo da Cultura será escenario da cita o vindeiro martes 29 de xuño, entre as 20.00 e as 21.30 horas. Un evento no que o obxectivo será explicar en que consiste A Redeira como espazo de pensamento, de conexións e rede que se articula a través da colaboración entre as persoas do municipio.

Segundo explica o goberno local un dos elementos clave deste movemento cidadá é achegar ideas para construír a contorna desexada, polo que no encontro achegaranse ideas e propostas para os tempos actuais, onde as redes de colaboración e axuda cobraron se cabe maior importancia.

Tamén será unha oportunidade para coñecer de primeira man a algunhas das participantes do proxecto 'A Toda Vela', xa que A Redeira pretende ser un programa de acompañamento personalizado para quen teña un proxecto ou unha idea.

Para asistir é preciso inscribirse nesta ligazón: https://aredeira.gal/cacharela/.