Yolanda Ferro, técnica de márketing no organismo encargado da xestión turística no Concello de Santiago de Compostela e Manuel Fuentes, programador e analista de sistemas na Deputación da Coruña, pasarán o mes de outubro colaborando en Cabo Verde e Mozambique, respectivamente, cos parceiros do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, entidade da que ambas as administracións son socias.
Os dous participantes, que resultaron seleccionados entre unha vintena de candidaturas presentadas ao programa de voluntariado internacional Vacacións con Traballo, asistiron en Pontevedra a unha xornada formativa previa ás viaxes.
O programa Vacacións con Traballo ten unha dobre vertente, xa que non se trata só de achegar unha cooperación técnica, senón que ese intercambio de coñecementos co persoal local e a inmersión noutra realidade constitúen tamén accións de sensibilización.
Deste xeito, os participantes entran en contacto con novas culturas, toman conciencia das desigualdades e convértense en axentes da transformación social cara actitudes solidarias. A experiencia vana compartindo a través dun blog e á volta toman parte en diferentes actividades de difusión.
Ademais, supervisan os proxectos de cooperación internacional cofinanciados sobre o terreo, ao tempo que contribúen a identificar outros novos. Con esta edición, serán 44 os empregados das deputacións e concellos socios do Fondo Galego que colaboraron en países do Sur desde 2006.