Xornada de limpeza no Paseo de Ostreira a cargo do alumnado do CEIP Lourido

Poio
15 de xuño 2024

Durante as tres horas nas que transcorreu a limpeza conseguiron recoller 72 quilos de plásticos e outros residuos

Limpeza da praia da Ostreira
Limpeza da praia da Ostreira / Concello de Poio

O alumnado do CEIP Lourido participou este venres nunha actividade de voluntariado centrada na limpeza da contorna de Ostreira. 

A xornada congregou a preto de 100 estudantes de entre 8 e 12 anos.

O encontro comezou cunha charla didáctica impartida por un técnico ambiental. A continuación, os mozos implicados na actividade comezaron coa recollida de plásticos e residuos do carreiro litoral.

Durante as tres horas nas que transcorreu a limpeza conseguiron recoller 72 quilos de plásticos e outros residuos.

A zona na que se realizou a limpeza foi protagonista o pasado xoves cando os veciños de Poio izaron as bandeiras dos dous novos Sendeiros Azuis de Poio, que este ano diferencian tamén aos roteiros do Laño e dos Muíños de Samieira. Ademais, nas inmediacións da recollida foron dúas as praias galardoadas co distintivo de bandeira azul, a de Siorto en Raxó e a de Cabeceira en Lourido.