Xornada inclusiva de plantación de árbores no sendeiro urbán do río Bispo de Bueu

Bueu
15 de febreiro 2023

Cincuenta escolares de 3º de Primaria do CEIP Plurilingüe A Pedra participaron nunha xornada de plantación de árbores organizada polo Concello de Bueu e impartida pola Fundación para a Discapacidade e o Emprego Juan XXIII

Xornada de plantación de árbores en Bueu con escolares do colexio A Pedra
Xornada de plantación de árbores en Bueu con escolares do colexio A Pedra / Concello de Bueu

O sendeiro urbano do río Bispo foi o escenario este mércores dunha actividade integradora. O Concello de Bueu organizou unha plantación de preto de setenta árbores para acondicionar este paseo no seu treito urbano, e para iso contou coa Fundación para a Discapacidade e o Emprego Juan XXIII e cincuenta alumnos e alumnas de 3º de primaria do CEIP Plutilingüe A Pedra.

Félix Juncal, alcalde da vila, achegouse ata a actividade que durou preto de dúas horas e coa que tamén quixo colaborar a través do transplante dun acivro. O rexedor salientou que “é importante que traballemos cos máis pequenos e pequenas na importancia do coidado do medio ambiente e da contorna”, e incidiu en que “esta actividade transmite moitos valores, como a integración social, o intercambio de coñecementos e a sensibilización”. 

Os nenos e nenas tiveron a oportunidade de coñecer todo o proceso de plantación, e as tarefas a levar a cabo para que árbores como cerdeiras, maceiras ou freixos medren nesta contorna; e tamén puideron preguntar e aclarar as súas dúbidas. Para este labor, estiveron acompañados do alumnado da Fundación Juan XXIII, que participan nunha formación dual de xardinería coa que se pretende fomentar a súa integración na sociedade. 

A cativada traballou ao longo das semanas previas en xornadas formativas sobre a discapacidade intelectual da man do profesorado e co asesoramento da fundación, e hoxe tiveron a parte práctica con esta actividade, despois da cal o Concello lles tiña preparada unha merenda saudable.

O Concello de Bueu leva anos colaborando coa Fundación Juan XXIII a través de distintos programas de emprego, destacando o da limpeza de beirarrúas e rozas polo rural ou o arranxo de fontes e lavadoiros. A actividade de hoxe supón ir un paso máis alá, e seguir avanzando na consecución da igualdade e na eliminación de barreiras.