O pavillón do Centro Príncipe Felipe acolleu este martes a fin de festa do IV Encontro Provincial pola Inclusión, organizado pola Deputación Provincial de Pontevedra, na que entre o luns e o martes participaron máis de 500 persoas.
Foi a través dunha xornada de ledicia e convivencia, que complementou a xornada técnica de onte no Museo.
Máis de 250 persoas asistiron ao peche lúdico do evento que finalizou cun ágape que reuniu as persoas con diversidade funcional e tamén aqueles profesionais que traballan a diario con elas para garantir o seu benestar e que se cumpran os seus dereitos.
A presidenta provincial, Carmela Silva, acompañada pola deputada de Cohesión Social, Olga García, tamén participou na festa, na que se deron cita diversos colectivos e centros educativos da provincia de Pontevedra.
"Quérovos felicitar por todo o traballo que realizades e tamén darvos unha aperta moi grande", transmitiulles Carmela Silva.
A presidenta da Deputación de Pontevedra recibiu o cariño das numerosas persoas que se achegaron a conversar con ela durante o ágape.
Silva tamén recibiu en primeira persoa o agradecemento das entidades que participaron no encontro e que quixeron cadansúa fotografía para lembrar a súa participación no IV Encontro Provincial pola Inclusión.
A presidenta da Deputación de Pontevedra lembroulles que "estamos moi orgullosas e orgullosos de todas e todos vós" e agardou que "sexades moi felices".
A xornada lúdica que acolleu o Centro Príncipe Felipe desenvolveuse durante toda a mañá, e tivo como obxectivo a posta en valor dos proxectos que conseguen integrar as persoas con diversidade funcional na sociedade.
Como mostra destes proxectos, o centro acolleu ata un total de catro exposicións artísticas realizadas por estes colectivos, que tamén puideron asistir a un obradoiro de bailoterapia e a un espectáculo creado polo actor e humorista Al Guanella.