Xornada de portas abertas no Castelo de Soutomaior para celebrar o Día Mundial do Turismo

Soutomaior
25 de setembro 2025

A través desta xornada será posible coñecer de xeito gratuíto o proxecto de musealización realizado pola Deputación de Pontevedra

Castelo de Soutomaior
Castelo de Soutomaior / Turismo Rías Baixas - Deputación de Pontevedra

A Deputación de Pontevedra ten preparada unha festa moi especial para celebrar o Día Mundial do Turismo.

O vindeiro 27 de setembro, os castelos de Soutomaior e Sobroso abren as súas portas de par en par para unha xornada de portas abertas con entrada de balde.

Turismo Rías Baixas convida a unha viaxe no tempo por estes dous recintos históricos nun paseo polo pasado con visitas que son auténticas experiencias inmersivas.

No Castelo de Soutomaior os visitantes van poder descubrir os segredos das súas salas, pasear pola historia de Pedro Madruga, mergullarse nas revoltas irmandiñas e entender por que este castelo é unha xoia estratéxica entre montañas.

Todo isto con proxeccións audiovisuais, paneis informativos e unha musealización feita para que o visitante aprenda sen darse conta. E todo rodeado duns magníficos xardíns.

O Castelo de Sobroso tamén ten o seu aquel. Neste caso poderase percorrer as súas salas cheas de materiais interactivos, vídeos que fan falar ás pedras, e remata subindo á súa terraza panorámica, onde o visitante poderá ver o mundo como un auténtico señor feudal.

Para quen non lle sexa posible achegarse este 27 de setembro, compre lembrar que o Castelo de Soutomaior está aberto todos os días de 10:00 a 21:00 h ata o 30 de setembro. E o de Sobroso tamén ata o 30 de setembro, de luns a domingo, de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas.

Dende Turismo Rías Baixas destacan que ésta non é só unha visita, "é unha experiencia onde a historia cobra vida".