Xornada sen cambios no balance de Covid-19 na área sanitaria: sen novos positivos e con 20 casos activos

Pontevedra
29 de xullo 2020

Segundo o balance oficial ofrecido este mércores 29 de xullo pola Consellería de Sanidade, unha persoa segue ingresada en planta no hospital de Montecelo, mentres que o resto de afectados evolucionan nos seus domicilios

Entrada de Urxencias no hospital de Montecelo
Entrada de Urxencias no hospital de Montecelo / Diego Torrado

O balance oficial sobre a pandemia de Covid-19 ofrecido este mércores 29 de xullo pola Consellería de Sanidade non reflicte cambios con respecto á xornada anterior.

Isto significa tamén que despois de varios días rexistrándose positivos, nesta ocasión non se detectou ningún novo contaxio. Desta forma, ao non producirse tampouco ningún alta epidemiolóxica, a cifra de 'casos activos' de coronavirus na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés mantense nos 20.

Entre os afectados, unha persoa permanece ingresada en planta no Hospital de Montecelo e o resto evolucionan nos seus domicilios.

Ao non producirse altas, a cifra de curados na área sanitaria segue sendo de 912 desde o inicio da pandemia, mentres que os falecementos asociados ao virus son 16.

A nivel autonómico si que prosegue, aínda que en menor medida, o aumento de positivos xa que na última actualización o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 249, polos 242 do martes. Deles 71 son da área da Coruña, 80 da de Lugo, 6 da de Ourense, 20 da de Pontevedra, 50 da área de Vigo, 21 da de Santiago, e 1 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 1 está en UCI, 8 en unidades de hospitalización e 240 no domicilio. Por agora, en Galicia hai un total de 11.251 persoas curadas, rexistrándose 619 falecementos.

O número de PCR realizadas é de 246.840.