Xornadas diúrnas e nocturnas de paddle surf para descubrir o río Lérez e a cidade

Pontevedra
28 de xullo 2022

Trátase de 13 xornadas de balde organizadas pola Concellaría de Turismo e a empresa Urban Culture Factory. Estes singulares paseos permiten ás persoas participantes descubrir a historia, oficios, enclaves, edificios, lendas, flora e fauna autóctona, así como información de interese turístico e cultural. Comezarán este vindeiro 31 de xullo e rematarán o 28 de agosto

Rutas de paddle surf polo río Lérez
Rutas de paddle surf polo río Lérez / Concello de Pontevedra

O Concello de Pontevedra, a través do departamento de Turismo, organiza a partir do domingo 31 de xullo unha serie de xornadas diúrnas e nocturnas para coñecer a cidade e o río Lérez en paddle surf. 

Trátase de xornadas de balde organizadas pola Concellaría de Turismo e a empresa Urban Culture Factory. En total, son 13 xornadas nas que poderán particular tanto a poboación de Pontevedra como as persoas visitantes.

Estes singulares paseos permiten ás persoas participantes descubrir a historia, oficios, enclaves, edificios, lendas, flora e fauna autóctona, así como información de interese turístico e cultural.

A actividade está guiada por un monitor e, segundo indican desde o Concello, ten a intención de "recuperar o valor inmaterial da historia da cidade e o vínculo ao río Lérez".

Cada ruta está pensada para un máximo de 8 persoas e partirá da praia fluvial de Pontevedra. Alí recibirán todo o material de seguridade e unha charla básica sobre a seguridade na auga e o achegamento ao paddle surf.

As xornadas comezarán este vindeiro 31 de xullo e rematarán o 28 de agosto. A duración prevista é de 2 horas e 40 minutos e os horarios e días poden variar en función do solpor ou as condicións meteorolóxicas adversas.

En principio, o calendario prevé sesións de 17.00 a 19.30 horas os domingos 31 de xullo e 7, 14, 21 e 28 de agosto. Ademais, os sábados haberá sesión dobre, unha diúrna de 10.30 a 13.00 horas e outra de 21.30 a 24.00 horas. Será os sábados 6, 13, 20 e 27 de agosto.