Xosé Manuel Fernández Abraldes, alcalde de Barro desde hai case doce anos, tratará de revalidar a alcaldía. Será o candidato do BNG nas eleccións municipais de 2027.
Foi elixido por unanimidade na asemblea aberta celebrada pola formación nacionalista.
Esta decisión, segundo destaca o partido, avala a súa xestión á fronte do concello e abre unha nova etapa na que o proxecto do BNG "seguirá a traballar pola veciñanza".
O actual alcalde, que goberna en Barro desde 2015, agradeceu o apoio recibido e amosou o seu compromiso cos veciños, lembrando que "queda moito por facer".
O candidato subliñou que o traballo realizado até o de agora é a base sobre a que seguir avanzando.
Destacou ademais que nestes próximos anos "imos recoller os froitos do traballo que levamos facendo".
A militancia do BNG en Barro reafirmou así o seu respaldo a un proxecto político que ten como obxectivo continuar a transformación do concello.
Manter a xestión próxima e comprometida coa veciñanza será outra das súas principais liñas de actuación se logra revalidar o bastón de mando.
O partido, en todo caso, está preparando xa o traballo de cara á próxima cita electoral.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.