En xullo entran en funcionamento autobuses circulares en Sanxenxo e A Illa de Arousa

Sanxenxo
26 de xuño 2025

Estarán activos durante os meses de xullo e agosto con tarifas reducidas para desconxestionar esta contorna turística do uso de vehículo particular. Este xoves asináronse os convenios con Monbus en Pontevedra

Agustín Reguera, Telmo Martín, Diego Calvo e Luis Arosa
Agustín Reguera, Telmo Martín, Diego Calvo e Luis Arosa / PontevedraViva

A Xunta de Galicia, os concellos de Sanxenxo e A Illa de Arousa, e a empresa Monbus asinaron este xoves un convenio para implementar un servizo de transporte público durante os meses de verán que reduza a utilización do vehículo privado.

O acordo, formalizado no edificio administrativo da Xunta en Pontevedra, permitirá a posta en marcha de liñas circulares que conectarán as principais zonas destes municipios turísticos, coa idea de fomentar a mobilidade sostible.

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, presidiu a sinatura dos convenios xunto cos alcaldes Telmo Martín e Luis Arosa, nun acto que contou tamén coa presenza do delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, e do xerente de Monbus, Raúl López.

O servizo, que funcionará entre o 1 de xullo e o 31 de agosto, estará integrado no sistema de transporte metropolitano de Galicia, beneficiándose das súas tarifas reducidas.

Os menores de 21 anos poderán realizar ata 60 viaxes gratuítas ao mes coa Tarxeta Xente Nova, ao igual que as persoas maiores de 65 anos coa tarxeta TMG grazas á Tarifa +65. O resto de usuarios terán un desconto do 40% sobre o prezo normal, unha redución algo menor que o 50% anterior debido á diminución da achega estatal, que pasou do 30% ao 20%, segundo explicou Calvo.

DÚAS LIÑAS CIRCULARES EN SANXENXO

No caso de Sanxenxo, o convenio supón unha continuidade da colaboración iniciada o ano pasado, cun investimento municipal de 65.000 euros. Segundo explicou Diego Calvo, para este verán adecuáronse os servizos ás demandas e necesidades analizadas tras a experiencia de 2024.

Funcionarán dúas liñas circulares que realizarán cada unha un percorrido inverso. Cada liña ofrecerá 16 servizos ao día de luns a domingo, con frecuencia dunha hora das 08:00 horas ás 00:30 horas. Os servizos alternaranse entre ambas as liñas de xeito que saia un autobús cada media hora, un cara a Portonovo e A Lanzada e o seguinte cara a Vilalonga para volver a Sanxenxo pola costa desde A Lanzada.

Estímase que preto de 30.000 persoas utilizarán este servizo durante os dous meses nos que estará operativo.

O alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, destacou que o servizo "vai percorrer a maior parte das parroquias de Sanxenxo en dobre sentido" e beneficiará tanto aos visitantes como aos traballadores da temporada estival. Fixo un chamamento especial para que os potenciais usuarios soliciten a tarxeta de transporte que lles permitirá acceder aos descontos.

A diferenza do ano pasado, elimínase a lanzadeira desde o parque empresarial por non ter o resultado esperado, mentres se habilitan máis aparcadoiros disuasorios na contorna de Sanxenxo e Portonovo.

Telmo Martín, Diego Calvo e Raúl López asinan o acordo
Telmo Martín, Diego Calvo e Raúl López asinan o acordoPontevedraViva

CIRCUÍTO CIRCULAR NA ILLA DE AROUSA

Pola súa banda, o convenio asinado co Concello da Illa de Arousa, que supón un investimento municipal de 13.000 euros, permitirá habilitar desde o 1 de xullo unha liña de autobús para mellorar a mobilidade no municipio durante o verán. Esta medida, que se desenvolverá ao longo deste ano coa posibilidade de prórroga, estréase por primeira vez na Illa.

A nova liña realizará unha ruta circular con saída e chegada no aparcadoiro do Vao (tamén coñecido como o Guau). Ofrécense sete servizos ao día de luns a domingo nos meses de xullo e agosto, en horario de tarde, desde as 15:45 horas ata as 20:17 horas. Os horarios de saída serán ás 15:45, ás 16:20, ás 16:55, ás 17:55, ás 18:30, ás 19:10 e ás 19:45 horas.

Estímase que máis de 4.300 persoas utilizarán este servizo durante os dous meses nos que estará operativo.

O alcalde da Illa de Arousa, Luis Arosa, explicou que o autobús percorrerá lugares emblemáticos como o Carreirón, a área secada e o casco urbano, "para dinamizar o comercio local". O servizo conectará co aparcamento disuasorio na zona do Vao, que conta con preto de 300 prazas a apenas cinco minutos a pé do centro.

Luis Arosa, alcalde da Illa de Arousa, saúda a Raúl López, xerente de Monbus
Luis Arosa, alcalde da Illa de Arousa, saúda a Raúl López, xerente de MonbusPontevedraViva

RESTRICIÓN DE TRÁFICO NA ILLA DE AROUSA

Preguntado pola aceptación das restricións de tráfico no casco urbano da Illa de Arousa, o alcalde Luis Arosa recoñeceu que existe certo malestar entre os comerciantes locais. "Os comercios non están moi de acordo", admitiu, pero defendeu a medida baseándose nos resultados obtidos: "A realidade son os números. Desde o primeiro momento, onde antes pasaban moitos vehículos, agora está pasando a metade, que é do que se trata".

O rexedor insistiu en que o obxectivo é liberar as rúas máis pequenas e estreitas do tráfico para que os negocios poidan estender as súas terrazas e mellorar a súa actividade comercial. "Ao final, pasou en todos os sitios, pasou aquí en Pontevedra, pasou noutros concellos que fixeron estas semi-peatonalizacións. Vanse dar de conta, ao cabo do tempo, de que isto vai ser beneficioso para eles", asegurou.

En canto á opinión dos veciños, Arosa afirmou que "moitísimos están encantados" coa medida, xa que permite recuperar espazos e aparcamentos para os residentes. "Non podemos chegar co coche a todos os sitios, non podemos pretender chegar co coche ata o bar, cando é totalmente inviable", explicou, engadindo que ademais dos aparcamentos na zona do Vao, tamén existen outras áreas de estacionamento na zona do Cantinho a apenas dous minutos a pé do centro.

PLAN DE REFORZOS

O vicepresidente da Xunta, Diego Calvo, salientou que esta iniciativa de transporte circular enmárcase dentro dun plan máis amplo para a época estival, que inclúe a activación desde o 1 de xullo de 22.000 servizos específicos nun total de 90 liñas en toda Galicia.

Calvo explicou que se reforzarán especialmente os autobuses na comarca do Salnés e a súa conexión con Pontevedra; na comarca do Morrazo; os servizos nocturnos durante as fins de semana para poder desprazarse nos traxectos Marín-Pontevedra, Baiona-Vigo e o corredor O Grove-Sanxenxo-Pontevedra; e aqueles especialmente indicados para atender as demandas dos peregrinos.

Ademais, activaranse outros servizos e axustes nas Rías Baixas para atender a demanda, en concreto, en Nigrán, e reforzos en Cangas para conectar coas praias.

O obxectivo global, explicou o vicepresidente, é dar resposta ao incremento de desprazamentos na época estival a espazos naturais, festas, verbenas e festivais, ou a praias e parques acuáticos, facilitando alternativas en transporte público durante o verán.