A Xunta de Galicia vén de activar para este luns 26 de xaneiro a alerta vermella por chuvias intensas no interior da provincia de Pontevedra, unha situación que obriga a extremar as precaucións e que xa tivo consecuencias directas na actividade educativa e deportiva.
Ante o elevado risco, a Comisión Escolar de Alertas decidiu suspender as clases e o transporte escolar durante toda a xornada do luns nos centros educativos e nas escolas infantís do interior de Pontevedra. A medida busca garantir a seguridade do alumnado, do profesorado e das familias nun día marcado pola meteoroloxía adversa.
En paralelo, na provincia de Ourense, debido á alerta laranxa por choiva, quedarán suspendidas as actividades ao aire libre nos centros educativos das zonas do Noroeste, do Miño e do Sur.
Entre os concellos afectados están: Campo Lameiro, Cerdedo-Cotobade, Cuntis, A Lama e Moraña. A relación detallada de concellos afectados pode consultarse na páxina web da Consellería de Educación.

Ata 150 litros por metro cadrado en 12 horas
Segundo os organismos preditores, a alerta vermella no interior de Pontevedra actívase pola posibilidade de precipitacións acumuladas de ata 150 milímetros en apenas 12 horas.
Desde a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, a Xunta trasladou a situación a través do 112 Galicia aos concellos, deputacións, servizos provinciais, agrupacións de Protección Civil e clubs náuticos, entre outros. Ademais, recoméndase aos concellos activar os seus plans municipais de emerxencia, especialmente ante o risco de inundacións.
As autoridades insisten en circular con moita precaución, informarse previamente do estado das estradas, non atravesar zonas asolagadas nin estacionar vehículos preto de ríos ou áreas susceptibles de inundarse.
Tamén se aconsella seguir a información actualizada na web do CIAE 112, onde se recollen avisos meteorolóxicos e ligazóns de interese.
A situación meteorolóxica tamén afecta ao ámbito deportivo. A Secretaría Xeral para o Deporte anunciou a suspensión da actividade deportiva federada e do programa Xogade ao aire libre nas zonas afectadas polas alertas. Os municipios e horarios concretos poden consultarse na web de Deporte Galego.
Ademais, continúa activa a alerta laranxa por temporal costeiro en todo o litoral galego, polo que se mantén a suspensión da actividade deportiva no mar. A Xunta lembra a importancia de manterse afastado da liña de costa, especialmente de diques, rompentes e paseos marítimos, así como de revisar cabos e amarres das embarcacións.
🌀La borrasca Joseph ha sido nombrada por nuestros colegas portugueses del @ipma_pt.
— AEMET (@AEMET_Esp) January 25, 2026
➡️ A partir del lunes dejará lluvias abundantes en buena parte de la Península, nieve en las montañas, vientos intensos y temporal marítimo.
⚠️ Consulta avisos en vigor en nuestra web y app. pic.twitter.com/HlzIzGSGmc
Unha semana marcada pola inestabilidade
Segundo MeteoGalicia, este luns a nosa Comunidade comeza a semana coa chegada dun sistema frontal moi activo, con ceos cubertos e chuvias persistentes e intensas, máis fortes a partir da tarde e especialmente no sur. O vento soprará do suroeste, forte e con refachos moi fortes cara á noite.
O martes seguirá a inestabilidade pola formación rápida dunha borrasca ao noroeste de Galicia, con chuvascos tormentosos, posibilidade de saraiba e descenso das temperaturas, ademais de vento intenso e mala mar, especialmente na zona de Estaca de Bares.
O mércores continuará a influencia das baixas presións, cun novo fronte que deixará chuvias máis abondosas ao sur pola mañá e novos episodios de precipitacións pola noite. A medio prazo, todo apunta a que Galicia seguirá baixo a influencia das borrascas atlánticas, con ventos fortes e chuvias xeneralizadas, aínda que con temperaturas en progresivo ascenso.
25/01 14:54 AVISOS HOY Y MAÑANA | España: vientos, costeros, lluvias, tormentas y nevadas. Nivel máximo de aviso: rojo.
— AEMET (@AEMET_Esp) January 25, 2026
Actualizaciones en https://t.co/BLdoSsO2Qv pic.twitter.com/F4UcnDkj6U