Na reunión deste luns o Consello da Xunta aprobou definitivamente o proxecto de ensanche e mellora da estrada autonómica PO-230 ao seu paso polos concellos de Cerdedo-Cotobade e Campo Lameiro, unha actuación que contará cun investimento de 4,4 millóns de euros.
O proxecto abarca un tramo de 5,3 quilómetros que percorre os núcleos de Praderrei (Campo Lameiro), Fentáns (Cerdedo-Cotobade) e Parada (Campo Lameiro).
O obxectivo da intervención é mellorar a funcionalidade e a seguridade viaria, reforzando a vertebración destes concellos rurais e contribuíndo á fixación da poboación e ao impulso económico local.
Entre as actuacións previstas, destaca a ampliación da calzada ata os 7 metros, cun carril de 3 metros en cada dirección e beiravías de 0,5 metros na maior parte do treito.
Nos tramos con restricións patrimoniais manterase a sección actual, adaptando os elementos funcionais.
Ademais, o proxecto contempla a rectificación do radio de 19 curvas, a implantación de novos cambios de sentido en tres puntos quilométricos, e a mellora dos accesos desde o viario municipal.
Segundo indicou a Xunta, a comezos deste ano convocarase o levantamento de actas previas das expropiacións, para posteriormente redactar e supervisar o proxecto construtivo, aprobar o mesmo e licitar a execución das obras.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda sinalou que esta actuación insírese no compromiso do goberno galego de mellorar as infraestruturas viarias en concellos do interior, aumentando a seguridade, a conectividade e a calidade de vida da veciñanza.