A Xunta asumirá a obra na fachada do colexio da Lomba tras un acordo co Concello de Vilagarcía

O Salnés
06 de novembro 2025
Actualizado: 17:39

O consenso institucional permite que sexa a Consellería de Educación quen xestione e execute as obras, atendendo á demanda do goberno local de Vilagarcía

Desprendemento de cascotes na fachada do colexio A Lomba
Desprendemento de cascotes na fachada do colexio A Lomba / Concello de Vilagarcía de Arousa

O alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela, e o conselleiro de Educación, Román Rodríguez, pactaron que será a Xunta de Galicia quen xestione e execute a rehabilitación do colexio de A Lomba, despois da caída de cascotes co perigo que supón esta situación para a comunidade escolar.

Este acordo desbloquea a situación que se estaba a vivir no centro educativo, onde as administracións tardaban en responder sobre quen debía reparar o inmoble.

Varela subliña que o pacto foi posible pola boa sintonía institucional existente entre ambas partes, destacando a importancia do diálogo e o interese xeral por riba de cuestións partidistas.

O rexedor insiste na necesidade de clarificar definitivamente quen debe asumir a xestión e o mantemento dos centros educativos, defendendo que sexa a Consellería de Educación a responsable.

Segundo o alcalde, atendendo aos informes técnicos, a intervención no colexio de A Lomba responde a deficiencias estruturais que superan as competencias sobre o mantemento, polo que corresponde á Xunta actuar.

O acordo foi comunicado primeiro ao consello escolar do centro, mantendo así a prioridade de informar á comunidade educativa antes da publicación pública.

Estado da fachada do colexio A Lomba
Estado da fachada do colexio A LombaConcello de Vilagarcía de Arousa

Varela lamentou a actitude do grupo municipal do PP, que interveu unha vez solucionado o caso, e reivindicou o valor do diálogo institucional para resolver cuestións relevantes para Vilagarcía.