A Xunta de Galicia e o Concello de Poio continúan coa análise do estado do parque empresarial de Fragamoreira.
Gobernos autonómico e local mantiveron este venres unha reunión na que analizaron o seu estado e na que reafirmaron o seu compromiso para o desenvolvemento industrial do municipio.
No encontro, que contou coa participación da directora xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial, Margarita Ardao, e o alcalde de Poio, Ángel Moldes, analizaron detalladamente este proxecto, que conta cunha superficie de 386.513 mmetros cadrados.
Ambas as administracións colaborarán para dar resposta á demanda de solo industrial na comarca, facilitando o acceso ás empresas e promovendo o crecemento das xa implantadas en Galicia.
O parque empresarial de Fragamoreira está situado nun enclave estratéxico xunto a Pontevedra e con boas comunicacións cara ao porto de Marín, a AP-9, Vilagarcía e a comarca do Salnés.
O pasado mes de xullo, a Xunta elixiu a Antea Iberolatam como consultora que se encargará de deseñar o proxecto técnico por 191.465 euros. O prazo para a execución deste documento é de 17 meses.