Xunta e Concello reúnense para sentar as bases da solución que garanta a aprobación parcial do PXOM

Vilaboa
18 de xuño 2018

O alcalde de Vilaboa, José Luis Poceiro, traslada a súa intención de presentar no prazo de dous meses un documento urbanístico corrixido para sometelo outra vez á aprobación da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo

Encarnación Rivas e José Luis Poceiro
Encarnación Rivas e José Luis Poceiro / Xunta

A directora xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, Encarnación Rivas, e o alcalde de Vilaboa, José Luis Poceiro, mantiveron este luns unha reunión de traballo para analizar os seguintes pasos a dar desde o concello co fin de poder acadar a aprobación parcial do PXOM por parte da Xunta.

A intención do concello, segundo informou o rexedor na xuntanza, é dispoñer dunha nova proposta de plan xeral no prazo de dous meses. Unha vez teña este documento, no que o goberno local prevé incorporar as correccións sinaladas na orde de non aprobación emitida pola Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo en maio de 2017, será remitido ao departamento autonómico para sometelo de novo á súa análise e valoración.

A reunión entre Encarnación Rivas e José Luis Poceiro prodúcese dez días despois de que Augas de Galicia lle remitira ao concello a súa valoración sobre o informe municipal presentado en maio e no que se analiza a poboación que actualmente conta con concesión de abastecemento.

Na análise da documentación facilitada polo concello, Augas concluíu que 3 das 5 parroquias de Vilaboa (que concentran o 73,74% da poboación municipal) contan con concesións suficientes para cubrir a demanda dos seus veciños. En cambio, nas dúas restantes non queda xustificada a existencia de concesións que atendan de forma suficiente a necesidade de abastecemento de auga.

Esta valoración, que lle foi trasladada de inmediato polo organismo de conca ao goberno local, abre a porta a unha aprobación parcial do PXOM de Vilaboa respecto dos núcleos que acreditan ter suficiente auga a través de concesións legalizadas.

Dende a Xunta lembran que contar con documentación acreditativa de que toda a poboación dispón de recursos de auga suficientes, tanto para facer fronte á demanda de auga actual como á futura, era unha das condicións que figuraban xa no informe de Augas emitido en 2016 sobre o PXOM de Vilaboa.

Ademais, existe xurisprudencia recente que considera motivo de anulación dun planeamento que esta suficiencia de recursos hídricos non estea acreditada.