Xunta e hostaleiros entenden que as restriccións actuais son suficientes, "sempre e cando se respecten"

Pontevedra
10 de decembro 2021

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, e o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, avaliaron cos representantes dos hostaleiros galegos a evolución da incidencia da covid-19 e incidiron na importancia de cumprir as normas para poder manter as restricións no nivel actual sen ter que endurecelas

Reunión da Xunta cos representantes da hostalería
Reunión da Xunta cos representantes da hostalería / Xunta de Galicia

A Xunta e representantes do sector da hostalería abordaron este venres a necesidade de aumentar os controis para velar polo cumprimento das medidas vixentes co obxectivo de frear o avance da covid coas normas actuais que "serían polo de agora suficientes, sempre e cando se respecten".

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, e o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, avaliaron cos representantes dos hostaleiros galegos a evolución da incidencia da covid-19 e incidiron na importancia de cumprir as normas para poder manter as restricións no nivel actual sen ter que endurecelas.

A Xunta informará a representantes das distintas forzas e corpos de seguridade para abordar a coordinación dos dispositivos, que está previsto que se reforcen nas próximas datas, tendo en conta a proximidade das festas do Nadal. 

No encontro tamén participaron o director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, e a directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán.

Deste xeito, mantense a obrigatoriedade de amosar o certificado covid -tanto de vacinación como de recuperación da enfermidade ou proba negativa- nos locais de ocio nocturno e nos restaurantes durante todo o seu horario de apertura e nos bares e cafetarías desde as 21,00 horas, así como o límite de 8 persoas por mesa no interior dos locais e de 15 nas terrazas.

Alfonso Rueda apelou ao "sentidiño " e á responsabilidade individual extremando as precaucións en canto á obrigatoriedade do uso da máscara e a distancia de seguridade, xunto co resto de medidas vixentes nos distintos ámbitos, para frear o avance do virus e que a necesidade de garantir a seguridade sanitaria se poida compatibilizar co mantemento da actividade económica da hostalería e o turismo.