A Xunta manterá aberta a aula de Santo André en Caldas

Umia
23 de xuño 2026

A Consellería de Educación comunicou ao persoal do centro que a orde de eliminación da aula, remitida nos últimos días, respondeu a un erro interno

Escolares nunha actividade en Caldas
Escolares nunha actividade en Caldas / Concello de Caldas de Reis - Arquivo

A Consellería de Educación manterá en funcionamento a unidade de Educación Infantil de Santo André, integrada no Colexio Rural Agrupado (CRA) de Caldas de Reis.

A Xunta comunicou ao persoal do centro que a orde de eliminación da aula, remitida o día anterior, respondeu a un erro interno, segundo traslada o BNG de Caldas.

Desde a xefatura territorial, que dirixe César Pérez Ares, sinalaron que a unidade cumpre cos ratios de alumnado establecidos para continuar coa súa actividade.

A unidade en cuestión dispón para o vindeiro curso de cinco alumnos matriculados, a cifra que o propio departamento autonómico fixa como límite mínimo para garantir a continuidade destas aulas no rural.

Manuel Fariña, voceiro do BNG e responsable de Educación en Caldas de Reis, que alertara da situación, vincula o cambio de criterio da Xunta de Galicia á resposta social e á denuncia pública efectuada polo centro e pola súa formación política.

O representante sinalou que a proposta inicial de supresión carecía de argumentos organizativos e pedagóxicos.

Ata o martes 30 de xuño permanece aberto o período de matriculación para alumnado de infantil e primaria nos centros.